Wednesday 08 de May de 2024

A Xunta valora a colaboración do Campión do Mundo David Arcay para divulgar os valores medioambientais da pesca deportiva


A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, puxo en valor a colaboración do campión do mundo de pesca a mosca, David Arcay, para divulgar os valores medioambientais da pesca deportiva, un sector clave e con moita tradición en Galicia pero que necesita espertar o interese das novas xeracións para garantir a remuda xeracional.

Durante unha reunión que mantiveron en Santiago, a conselleira agradeceulle ao deportista a organización de diferentes actividades de carácter divulgativo e o seu traballo como promotor das escolas de río impulsadas coa nova Lei de pesca continental. De feito, grazas á posta en marcha desas actividades didácticas os nenos galegos teñen ocasión de coñecer os ecosistemas acuáticos, a fauna e flora fluviais, así como aprender a protexer e identificar os ríos como sinal de identidade de Galicia que hai que preservar.

E, a maiores, segundo lembrou Ángeles Vázquez, para achegar aos nenos e mozos galegos ao mundo da pesca, a Xunta tamén está a impulsar outras medidas, entre elas, que os rapaces de ata 14 anos poidan practicar a pesca sen necesidade de sacar licenza ou a exención do pago das taxas correspondentes para todos os menores de idade.

Cómpre lembrar que David Arcay participou xa en 15 campionatos internacionais e foi catro veces campión do mundo de pesca de salmónidos mosca, un palmarés que o converte, con tan só 31 anos de idade, en todo un referente a nivel galego e mundial dentro do mundo da pesca deportiva.